Sunday 05 de May de 2024

A choiva condiciona o Concurso de Disfraces de Brión, que adiantou nunha semana a súa celebración para non coincidir coas eleccións


A comparsa “Entre flores anda o conto” (Boiro) foi a gran gañadora da noite

A meteoroloxía adversa foi a protagonista da edición 2024 do Concurso de Disfraces de Brión, que este ano se adiantou unha semana para non coincidir coas eleccións autonómicas do domingo 18 de febreiro. Porén, a forte choiva caída durante ese serán non impediu que a veciñanza, paraugas en man iso si, desfrutara da tradicional festa de Entroido.

O xurado concedeu o gran premio da noite a “Entre flores anda o conto”, unha divertida comparsa de Boiro que levou os 300 euros da categoría de comparsas. O segundo premio foi para “Rexedoiro III” (Brión) e o terceiro para “O soño de Shakura” (Noia), con 250 e 200 euros. O cuarto premio (150 euros) recaeu na comparsa “Somos nós, carnaval”, integrada por membros do Club de Xubilados de Lousame. Finalmente, o xurado concedeu tres accésit de 120, 85 e 40 euros a “Os piratiñas” (Outes), “Galibarbies e Galikens” (Brión) e “Ozone Gym” (Brión).

Na categoría de grupos, o primeiro premio foi para “Fantasía Oriental” (Santiago), o segundo para “As Tiktokeras” (Brión), o terceiro para “As velliñas de Brión” (Brión) e o cuarto para “Nevada”, tamén de Brión, que levaron premios de 200, 175, 150 e 125 euros, respectivamente. O xurado concedeu un accésit de 50 euros a “As pasiteras das Cancelas” (Santiago). En total, repartíronse 2.500 € entre as distintas categorías.

Todas as persoas participantes no concurso desfilaron polo Paseo de Pedrouzos e a Rúa Tarrío ata o Parque de Lamiño, onde tivo lugar o concurso e onde tivo lugar unha festa de disfraces coa música do grupo Lume.